Nosoutras

Sinopse

Que pintora surrealista galega era admirada por Warhol? Quen tivo a idea de facer as xoias de porcelana de Sargadelos? Quen lle daba indicacións a un Castelao con graves problemas de visión para debuxar?

Presentado e interpretado por Isabel Garrido, Nosoutras é un espazo no que achegarse desde o humor, a curiosidade e a admiración a aquelas referentes da nosa cultura que non aparecen moitas veces no imaxinario colectivo polo feito de ser mulleres.

As protagonistas

Syra Alonso

Querido diario

Foi unha das cronistas galegas máis sobresaíntes do século XX. Naceu en 1899 no seo dunha familia burguesa da Coruña e de moi nova coñeceu o artista plástico Francisco Miguel, quen sería o seu marido e con quen levaría adiante a Libraría da Arte na Rúa Real coruñesa. Este local non tardou en ser espazo de referencia para o galeguismo da época.

Alonso interesouse moito nas vangardas artísticas, viaxou a París, Cuba e México, onde se estableceu en 1926 xunto con Francisco Miguel. Alí conviviron con pintores, poetas e cineastas antes de volver a Galicia, máis concretamente a Santa Cruz de Oleiros. Esta nova etapa na súa “Casa da Felicidade” foi de grande inspiración para a escritora.

Logo do asasinato do seu marido por parte dos fascistas en 1936, Syra Alonso volveu a México en compaña dos seus fillos. Nos seus diarios relatou en primeira persoa a represión e a violencia que se deu en Galicia naqueles anos de terror golpista. Nos seus textos tamén loa a valentía de moitas mulleres que, para ela, personifican a forza de Galicia.

May Carré

Ou como escribir novelas como churros

Naceu na Coruña en 1921 como María Purificación Carré e desenvolveu a súa carreira como escritora de novela romántica nun oficio que compartiu coa súa irmá María Pilar. As dúas foron netas do intelectual Uxío Carré Aldao, fundador da Real Academia Galega e animador da Cova Céltica, un notable faladoiro galeguista na súa época.

May Carré comezou a súa traxectoria con 17 anos compaxinando a escritura cun traballo de oficina. En 1943 apareceu a súa primeira novela (‘Maguita’) e a partir de aí outras tantas que a destacaron como unha escritora de actividade inesgotábel. En total publicou unhas 145 novelas rosas que chegaron ata América Latina e foron traducidas ao portugués e italiano. Tamén escribiu algún título de aventuras baixo o pseudónimo Peter McCoy.

Ademais do seu traballo como escritora, Carré colaborou asiduamente no popular Consultorio da Señorita Elena Francis con respostas sobre cociña, estudos ou relixión.

María Miramontes

A intelectualidade que cose

Naceu en Santa María de Guísamo (Bergondo) en 1895 e comezou a traballar xa de nena como costureira nun obradoiro da Coruña onde xermolou o seu pensamento galeguista. Axiña comezou a frecuentar entornos republicanos xunto con intelectuais como Elvira Bao ou Pilar Castro e fixo parte das Irmandades da Fala. Nese ambiente coñeceu Ánxel Casal, con quen compartiu vida, pensamento e militancia.

Precisamente na Coruña eles dous abrirían un comercio de venda de teas que tamén serviría para que Miramontes ofrecese os seus servizos como modista. Parte dos seus ingresos financiaron distintas iniciativas progresistas e culturais galegas, como as editoriais Lar e Nós ou as Escolas do Insiño Galego baseadas nunha aprendizaxe aberta e popular.

A parella marchará a vivir a Santiago en 1931 e Miramontes apoiará activamente o proxecto de Estatuto de Autonomía galego que será refrendado en xuño de 1936. Logo do asasinato fascista do seu marido Ánxel Casal, naquela altura alcalde compostelán, ela embarcará con rumbo Bos Aires onde gañaría a vida como modista ata o final dos seus días.

Finita Gay

A deusa do verbeneo

Coñecida baixo o alcume de A Martela en Castelo (Culleredo) naceu en 1928 nunha familia numerosa e arendeu a coser cando aínda era unha nena para axudar cos gastos da casa despois do falecemento da súa nai. Porén, Gay exerceu este oficio por pouco tempo e axiña comezou a súa traxectoria artística nas festas da parroquia xunto coa orquestra Mallo.

Desde os 16 anos formou parte de diversas formacións como vocalista e animadora, pese á disconformidade do seu pai. Sendo nai solteira e aínda unha moza viaxou a Venezuela, continuou actuando con orquestras de renome como Billo’s Caracas Boys e serviu de anfitrioa para conxuntos galegos que foron ao país como Os Satélites. Ao pouco de chegar casa cun home que desaproba a súa ocupación musical, baixa dos escenarios e entra a traballar como patronista nunha fábrica. Con todo, non abandona a música e segue a súa formación no Centro Galego de Caracas, onde actúa ocasionalmente.

Na década dos 80 e tras enviuvar volve a Galicia para establecerse en Carral. En 1984, a Finita empresaria e artista inaugura o café ‘A Martela’, que enche todas as fins de semana. Alí actúa ás veces en solitaria e outras acompañada de diferentes artistas. En 1988 e pouco antes de falecer decide traspar o local para asegurar que a actividade musical non cese.

Mimina Arias

A artista máis visible e invisibilizada

A artista Carmen Arias, máis coñecida como Mimina, naceu en 1921 na Coruña no seo dunha familia acomodada. Desde moi nova foi a clases de pintura cunha das artistas máis relevantes da época, Dolores Díaz Baliño.

En 1942 realizou o exame de ingresos de Belas Artes en Madrid e tres anos despois casou co tamén artista Isaac Díaz Pardo. En 1949 botou a andar un proxecto que a marcaría de por vida: Cerámicas do Castro. Así retomou a súa vocación artística como decoradora de pezas e logo como mestra das traballadoras que se van incorporando á fábrica.

Despois dunha temporada en Bos Aires, onde entrou en contacto cos exiliados galegos, iniciou a súa andaina na fábrica de Sargadelos (Cervo) en 1970. Neste novo proxecto Mimina crea o obradoiro de xoiaría da que sairán alfaias de moi boa acollida e demanda. Traballo dela tamén son as ilustracións da coñecidas vaixelas infantís de Sargadelos.

María Mariño

Onde están as escritoras

De familia humilde e con dificultades económicas, Mariño naceu en Noia en 1907 e deixou a escola sendo nena para traballar como costureira. Entrou en contacto coa literatura de moi nova, concretamente nunha estancia temporal na biblioteca do Pazo de Goiáns en Boiro.

Ao remate da Guerra Civil, Mariño casou co mestre Roberto Pose Carballiño e estableceuse no Courel logo dun tempo no País Vasco. Alí tivo un fillo que morreu prematuramente, feito que unido ao pasamento da súa nai acabou por provocarlle á escritora unha fonda depresión. En Parada do Courel entrou en contacto con quen sería o seu amigo, apoio e gran estímulo para a súa actividade literaria: o poeta Uxío Novoneyra.

Mariño comezou a escribir e a superar o isolamento físico e creativo en que vivía ata ese intre. En vida tan só publicou a obra ‘Palabra no tempo’ (1963) e despois da súa morte viu a luz o poema ‘Verba’ escrito meses antes de morrer. Os seus textos foron recompilados en 1994 no volume ‘Obra completa’.

Virxinia Pereira

A community manager de Castelao

Naceu na Estrada en 1884 nunha familia acomodada e cun pai, Camilo Pereira, moi implicado social e politicamente. Unha das súas irmás maiores marcha a vivir a Santiago e alí coñece a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Con el casa en 1912, marcha a vivir a Rianxo, logo a Pontevedra e o levantamento militar acaba por levalos ao exilio.

O matrimonio pasa por Estados Unidos, Cuba ou Francia e neste tempo Virxinia Pereira acada protagonismo social e político collendo o testemuño do seu marido e participando en actos públicos. Ambos acaban por establecerse en Bos Aires (Arxentina) e desenvolven fortes vínculos coa comunidade galega, unha actividade que Pereira non abandonará no país arxentino mesmo despois da morte de Castelao en 1950.

Maruxa Mallo

A vangarda feita artista

Ana María Gómez González, popularmente coñecida como Maruxa Mallo, naceu en Viveiro en 1902. A súa nenez transcorreu entre distintas vilas e cidades españolas a causa do traballo do seu pai, funcionario aduaneiro. En Madrid mantivo unha estreita relación cos poetas da Xeración do 27 e coa xente da Residencia de Estudantes, con nomes como María Zambrano, Federico García Lorca ou Luis Buñuel.

Naquela época realizou a súa primeira exposición no salón da Revista de Occidente, onde presentou óleos e estampas inspiradas nas raíces populares pero conectados coas vangardas. Desta etapa tamén é a súa relación romántico co poeta Rafael Alberti. A súa segunda exposición foi en París (1932), ao tempo que goza dunha bolsa para formarse en escenografía e traballa nunha liña máis surrealista.

Durante a República traballou como docente e levou adiante outra exposición coas súas arquitecturas minerais e vexetais, ademais dos debuxos da serie ‘Construcións rurais’. Cando estoupa a Guerra Civil marcha para o exilio e viaxa a Arxentina, Chile, Brasil e Estados Unidos. En 1965 regresou a España e a partir dos anos 80 comezou a recibir un recoñecemento público que duraría ata a súa morte en 1995.

María Luz Morales

A gran señora da prensa

Naceu na Coruña en 1898 e a súa traxectoria comezou con pouco máis de vinte anos en Barcelona, onde viviu coa súa familia e desenvolveu boa parte da súa actividade. Morales deu os seus primeiros pasos como xornalista na revista feminina ‘El hogar y la moda’, publicación que acabou por dirixir. En 1923 entra a formar parte de La Vanguardia facendo crítica cinematográfica baixo un pseudónimo masculino e en 1936 é nomeada directora do xornal, converténdose así na primeira muller en ocupar este posto no estado español.

Coa chegada do franquismo, María Luz Morales será inhabilitada e encarcerada, mais isto non fai que deixe de escribir pois continúa co oficio baixo pseudónimo nalgunhas publicacións. Logo de case unha década de represión volverá a exercer o xornalismo no Diario de Barcelona, onde permanecerá ata a súa morte en 1980.

Malia a súa vida en Barcelona, Morales nunca perdeu a súa vinculación con Galicia e foi representante da Asociación de Escritores Galegos na cidade condal. Alén do seu labor xornalístico desenvolveu traballos en eidos como a literatura, a tradución ou o mundo editorial, e acadou galardóns como o Premio D’Ors da Asociación de Prensa ou o Premio Nacional de Teatro.

María Casares

Podemos actuar libremente

Naceu en 1922 e marchou a vivir a Madrid polo nomeamento como ministro do sei pai; Santiago Casares Quiroga. Porén, a maior parte da vida de María Casares transcorreu en Francia logo de establecerse alí polo golpe de Estado de 1936. Alí desenvolveu unha carreira que a levaría ao cumio da interpretación europea. No país galo coñeceu o escritor Albert Camus, con quen mantivo unha relación amorosa, intelectual e creativa.

Nos seus primeiros anos como actriz desenvolveu unha intensa actividad no mundo do cine. Entre 1945 e 1951 participou nunha ducia de obras, entre as que atopamos recoñecidas producións como ‘Les dames du Bois de Boulogne’ (1945) e ‘Les enfants du paradis’ (1945), unha das películas máis populares da Francia da posguerra.

A partir dos 50 entrou de cheo no teatro e ao longo da súa traxectoria xirou arredor de todo o mundo, actuando en grandes clásicos do teatro francés. Destaca a xira que realizou en 1957 por América do Sur durante a que recibiu a homenaxe de persoeiros galegos no exilio como Virxinia Pereira, Eduardo Blanco Amor ou Rafael Dieste. En Francia obtivo numerosos recoñecementos como o Premio Molière ou o Gran Premio Nacional de Teatro. En Galicia aceptou que os premios do teatro galego levasen o seu nome, mais faleceu en 1996 antes da celebración da primeira edición dos galardóns.

Imaxes

Contacto

ola@undodez.gal · 881 946 972